Volver a portada castellano
                                   
| |  

Romanización
imprimirimprimir
A necrópole do Areal

Vigo cambiou a súa historia o 17 de marzo de 1953 cando, ao realizar a cimentación dun edificio na rúa Pontevedra, se recuperou unha excepcional colección de estelas funerarias romanas, a máis importante de Galicia.

Un extenso grupo de estelas e unha ara (do século II d. C. ) foron desprazadas, na idade media, dunha necrópole próxima para salvar o paso sobre un terreo anegado. O feito de que a maioría fosen postas coa inscrición e relevos cara abaixo permitiu que se conservasen.

Sabemos que ao Vigo romano se desprazaban familias enteiras, pois algunhas das persoas ás que fan referencia os epígrafes procedían de Clunia (Coruña do Conde, Burgos). Así, o conxunto vigués participa das características propias das estelas do grupo galaico-romano, aínda que reflicte gustos de zonas máis urbanizadas como a cluniense.

As estelas, fincadas na terra na cabeceira da tumba, foron xa reutilizadas nos séculos seguintes, como sinala a aparición dun fragmento que formou parte dunha tumba posterior.

A este singular achado súmase en anos máis recentes a aparición de numerosas tumbas na rúa Hospital (actual Inés Pérez de Ceta), entre as que cómpre destacar os enterramentos infantís que utilizan as ánforas como cadaleitos. Este tipo de enterramento é frecuente no mundo romano, mais en Galicia é excepcional, sobre todo a ánfora oriental con restos do neno que nela foi enterrado.

 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75