Histórico de exposicións
|
imprimir
|
Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fyngal |
- DATAS: 23 de decembro de 2008 - 22 de febreiro de 2009
- LUGAR: MUSEO MUNICIPAL DE VIGO "QUIÑONES DE LEÓN"
- HORARIOS:
- Martes-venres, 10.00 - 13.30h / 17.00 - 20.00h
- Sábados, 17.00 - 20.00 hs
- Domingos, 10.00 - 13.30 hs
- Mércores tamén mediodía, 13.30 - 17.00h
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS Á EXPOSICIÓN: Ruta "Tra-los pasos de Urbano Lugrís" Visitas guiadas pola cidade de Vigo a cargo de monitora especializada polos lugares clave do pintor na cidade con remate na exposición de Castrelos. - Duración: 3 horas.
- Dende o día 9 de xaneiro todos os venres e sábados do mes.
- Máximo: 25 persoas.
- Visita gratuíta.
- Imprescindible reserva nos teléfonos 986 29 50 70/75.
En colaboración co departamento municipal de Turismo e Comercio. Visitas guiadas á exposición Dende o día 13 de xaneiro todos os martes, mércores e xoves ata final da exposición. - Horario: 10.00 - 11.00 - 12.00 horas.
- Duración: 45 minutos.
- Máximo: 25 persoas.
- Visita gratuíta.
Imprescindible reserva nos teléfonos 986 29 50 70/75. Ciclo de conferencias "En torno a Urbano Lugrís" Diversos especialistas abordarán vida e obra de Urbano Lugrís. - Casa Galega da Cultura.
- Febreiro de 2009. Entrada libre e gratuíta ata completar aforo.
PRESENTACIÓN Co gallo do centenario do nacemento do pintor Urbano Lugrís en 1908, o museo municipal de Vigo "Quiñones de León", en colaboración co departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, presenta a exposición "Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fyngal" que se desenvolverá ata finais de febreiro de 2009. A elección da data inaugural non é casual. O día 23 de decembro de 1973 morría en Vigo Urbano Lugrís sen demasiada compaña e apenas recoñecemento público. 25 anos máis tarde, no mesmo día, o Concello de Vigo quere renderlle homenaxe a un dos máis xeniais creadores galegos de todos os tempos; con esta magna exposición que reúne fondos públicos e privados - algúns expostos por primeira vez ao público - procedentes de toda a comunidade galega. O enfoque da exposición é inusual en tanto non se trata da habitual antolóxica ou dun percorrido lineal pola produción do pintor. O seu punto central é un cadro, "Habitación dun vello mariño", a obra mestra do pintor e xoia da colección do museo municipal. En torno a el xiran todos os demais cadros e obxectos presentados que, dalgún xeito, tratarán de desvelar o profundo misterio que xira en torno a esta habitación baleira, en torno a este retrato sen retratado. Fondos procedentes de: - Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León"
- Museo de Pontevedra
- Museo de Belas Artes de A Coruña
- Museo Massó
- Colección Caixagalicia
- Colección da Universidade de Santiago de Compostela
- Colección Puertas Mosquera
- Colección Carlos Vilas
- Coleccións particulares
DESCRICIÓN O 23 de decembro de 1973 falecía Urbano Lugrís, un pintor coruñés que, o mesmo que Ulises - pseudónimo que utilizou frecuentemente- atopou durante algúns anos da súa vida porto e descanso en Vigo. Foi durante estes anos, nesta Itaca particular, na que Ulyses Fingal-Urbano Lugrís desenvolveu unha das etapas máis interesantes e aleccionadoras da súa vida artística, aquela na que as súas obras se poboan de sereas, barcos afundidos, monstros mariños, fanais, etc. A obra de Lugrís ten algo de fantástico e enigmático que, dun modo inmediato, cativa ao espectador. Non se trata só de que a súa obra teña unha base figurativa, é algo moito máis profundo e complexo pois constitúe unha apelación directa ao recoñecemento dos obxectos e as relacións emotivas que se poden chegar a trabar entre estes e o espectador. "Lugrís, viaxe ao mundo de Ulyses Fingal", a exposición que se inaugura o 23 de decembro de 2008 no Museo "Quiñones de León" é, en realidade, un exercicio de reflexión sobre a obra de Lugrís, sobre o valor dos obxectos como portadores de memoria e, en última instancia, sobre a pintura como recurso mnemotécnico presente ao longo da historia. Cada unha das tres salas preséntanos un destes apartados. Deste xeito en "Modos de ver" móstrase ao espectador a través de obras de diferentes épocas como a pintura intentou recoller todos os aspectos posibles da visión: a mímese realista, a curiosidade e o sorprendente, a relación empática entre o cadro e o espectador ou o retrato de amizade. Obras como os gravados da colección Portas Mosquera, o Gabinete de Curiosidades da Universidade de Santiago de Compostela, ou os óleos do fondo Policarpo Sanz, son exemplos ilustrativos de todo iso. Pola súa banda, no "Dilema de Hércules" analízase, a través de diferentes comparacións, como a obra de Lugrís, ao mesmo que toda a historia da pintura, móvese en torno á existencia humana e á disxuntiva que permanentemente se lle presenta ao ser humano entre o ben e o mal, entre o camiño tortuoso e o máis pracenteiro. Son agora obras procedentes de diversos fondos do Museo Quiñones de León, así como de coleccións privadas - algunhas delas inéditas dentro do catálogo de Urbano Lugrís-, as que serven como fío condutor dese dilema. Para rematar, a obra que permite elaborar este discurso non é outra máis que a "Habitación do vello mariño". A devandita obra, pertencente ao Museo "Quiñones de León", transfórmase dentro desta exposición no centro da mesma e, por extensión, no seu desenlace, posto que se busca que o espectador poida chegar a descubrir como detrás da suma de obxectos dispostos nun aparente caos dentro da estancia, o que se esconde non é, nin máis nin menos, que o retrato dun vello mariño. Do personaxe, no fondo o propio Urbano Lugrís, non se pode contemplar o rostro; con todo podemos recoñecelo perfectamente a través da súa vida, a súa peregrinación e os dilemas aos que se tivo que enfrontar. É esta, en definitiva, unha exposición que, tomando a Lugrís como centro, invítanos a reflexionar sobre a arte da pintura e a esencia das cousas.
|