Pinacoteca galega contemporánea
|
imprimir
|
Siglo XIX e rexionalismo (Salas 1.1 - 1.4) |
Século XIX
| O muíño. Francisco Lloréns. (n.1874- m.1948). Óleo sobre cartón. | Dende o século XVI Galicia carece de tradición pictórica e ata mediados do XIX non comeza a apreciarse unha incipiente recuperación favorecida pola burguesía. Retrato, paisaxe e pintura de Historia convértense entón nos xéneros principais. Nesta sala atopamos obras dos principais mestres neste rexurdir da pintura en Galicia: DIONISIO FIERROS, PÉREZ VILLAMIL, SERAFÍN AVENDAÑO, ALFREDO SOUTO, PEREIRA BORRAJO, TITO VÁZQUEZ. En escultura ISIDORO BROCOS, profesor de Picasso na súa estadía en Galicia, é o renovador da imaxinaría galega.
Rexionalismo - A paisaxe
Tralo desastre nacional de 1898, xérase na intelectualidade española unha inquietude por recuperar en España a Patria e a identidade nacional. Esta corrente rexeneracionista cristaliza nas artes plásticas, tamén na literatura ou na música, nunha estética rexionalista que dará lugar á xerminación de distintas escolas rexionais. En Galicia BELLO PIÑEIRO, SOBRINO BUHIGAS, IMELDO CORRAL buscan unha pintura que transmita o diferente e auténtico ser de Galicia.
Os artistas galegos nacidos cara a 1870 son plenamente conscientes da escaseza de pintura no desenvolvemento da arte galega. Por isto aspirarán á creación dunha obra persoal que, antes que nada, sexa interpretación fidedigna da luz, a cor, a esencia do país. Francisco LLORENS logrouno plenamente nunha das súas mellores obras, “Mañá de agosto nas Mariñas”, onde foxe dos motivos excesivamente pisados do hórreo ou a casa labrega e prefire estilizar a paisaxe en busca da alma peculiar e distinta de Galicia.
A figura
Os pintores rexionalistas plasmarán os tipos e os costumes do país para captar a súa esencia, cunha tendencia, que se incrementa co paso dos anos, a suprimir a anécdota e a valorar a cor. O principal referente será Fernando A. de SOTOMAYOR. Os pintores da xeración seguinte como os coruñeses SEIJO RUBIO e Manuel ABELENDA, o ferrolán Máximo RAMOS, ou os composteláns Roberto GONZÁLEZ DEL BLANCO ou JUAN LUIS López, tratan de dotar de sangue novo ao realismo. Se os máis novos como VIRXILIO BLANCO denotan a aparición de novos tempos, a escultura de ACUÑA manifesta a pervivencia do costumismo dentro do rexionalismo.
|