Pinacoteca galega contemporánea
|
imprimir
|
Os renovadores (Salas 1.5 - 1.6) |
Sala. 1.5. - A ruptura do oficio
A partir dos primeiros anos da década dos anos vinte do século pasado, artistas, críticos e diletantes toman conscencia e denuncian o carácter provinciano e atrasado da arte española realizada ou exposta en Madrid. En Galicia a tendencia cristaliza, en primeiro lugar, nun rexeitamento da arte académica das exposicións nacionais, pero máis na forma que nos temas. A ruptura do oficio convértese entón en meta, pois permitía engarzar coa arte popular e tradicional galega e por outra banda, dar impronta de arte moderna pois entroncaba co expresionismo e as vangardas. CASTELAO constatou esta opción pola arte popular, o primitivismo, o expresionismo.
Na sala apreciamos diferentes solucións: a determinada ruptura do oficio no caso de COLMEIRO, FRAU ou VIRXILIO BLANCO; pasando pola actitude de MASIDE que pretende a creación dun novo oficio a partir da ruptura do anterior; o que aparece plenamente conseguido en SOUTO, o máis destacado da xeración dos chamados NOVOS.
| Noticias dos homes. Luis Seoane. 1969. Óleo sobre lenzo. | Sala 1.6. - Reflexión sobre os medios da forma: debuxo cor e textura
No seu intento de renovación, a arte galega a partir dos anos ‘30 desenvolveu a reflexión sobre os diversos medios que compoñen a forma. A cor libérase nas obras de VIRXILIO BLANCO e COLMEIRO e asume un carácter máis construtivo en MASIDE. A demanda de cor e textura reflíctese na obra de TORRES e tamén na de SOUTO. LAXEIRO en “Nenos xogando” queda coa textura pero renuncia á cor para adecuar a plasmación ao lóbrego do tema.
SOUTO fará da cor a base do deseño eliminando progresivamente os referentes figurativos, vía que culminará plenamente en SEOANE, quen acomete directamente a bidimensionalidade, a renuncia á luz e a separación total do debuxo e a cor.
|