Volver a portada castellano
                                   
| |  

Pinacoteca galega contemporánea
imprimirimprimir
Os renovadores (Salas 1.7 - 1.8)

Sala 1.7. - A redefinición volumétrica da forma

Lúa Azul. Laxeiro. 1908-1996. Óleo sobre lenzo
Lúa Azul. Laxeiro. 1908-1996. Óleo sobre lenzo

O  volume sentíase  como un factor esencial na definición do galaico, pola paisaxe de Galicia, de suaves curvas, e, sobre todo, pola tradición artística galega, escasa en pintura pero rica en escultura. De aí que tamén se plasme nun  principio unha rugosidade da textura reminiscente da que ten a “pedra de gran” ou granito. Entroncaba ademais coas tendencias da arte madrileña do momento que propugnaban unha estruturación da forma seguindo recordos poscubistas.

Na sala podemos contrastar a obra de XULIA MINGUILLÓN, na tradición do  poscubismo madrileño de Vázquez Díaz; coa “Muller sentada” de MASIDE, a obra arquetípica das búsquedas da  pintura galega do momento; ecos da cal aparecen en COLMEIRO, TORRES, e, escultoricamente, en EIROA. Unha vez máis SOUTO dota de universalidade a esta redefinición volumétrica das formas (“Concerto”, “Estudo do artista”) realizadas durante a súa estadía en Italia, mentres que LAXEIRO as personaliza  en obras como “Xente”.

Sala 1.8. - Xogos de luz

Romaría. Manuel Colmeiro Guimaráns. 1960. Óleo sobre lenzo.
Romaría. Manuel Colmeiro Guimaráns. 1960. Óleo sobre lenzo.

A luz era un dos compoñentes da forma considerados básicos na pintura tradicional polo que foi  fortemente cuestionada e rexeitada polas vangardas. Emporiso, entre os renovadores galegos a luz segue xogando un papel moi importante. En MASIDE serve para mover anímicamente a imaxe (“Autorretrato”), conseguir volume (“Cacharreira”), ou fundirse  coa cor (“Costureira”). COLMEIRO vai matizando os contrastes conforme chega aos anos ‘50 cando a luz, a suavidade da cor e a  supresión de detalles, xogan un papel esencial. SOUTO caracterízase a principios dos anos ‘30 por empregar efectos tenebristas para conseguir volume (“Arlequín”) para despois dotar ás obras de grande intensidade chegando á luz artificial para conmovernos na representación do sórdido mundo dos bordeis do  porto.

 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75