Pinacoteca galega contemporánea
|
imprimir
|
Os renovadores (Salas 2.1 - 2.2) |
Sala 2.1. - Xogos de espazo
| Nena na galería. Carmen Rodriguez de Legísima. n.1896 - m.1980. Óleo sobre tela. | A representación do espazo convértese nun dos fundamentos básicos da pintura a partir do impresionista francés Degas. Por iso non é estraño que entre os renovadores atopemos múltiples variantes: SOUTO reformulouno buscando distintas solucións: simultaneidade de distintos puntos de vista, distorsión espacial, perspectiva aberrante, etc...
Nos bodegóns de MASIDE vemos ben presente a influencia de Cezanne; mentres que COLMEIRO apunta á distorsión propia do expresionismo alemán.
Chama a atención Carmen LEGISIMA, coa súa obra “Nena da galería”, pola orixinalidade do encadre e a superposición de planos que suprime a gradación espacial en profundidade da pintura tradicional.
Sala 2.2. - A pervivencia da imaxe
A arte do século XX non só xogou coa forma senón tamén coas imaxes e volveu ás veces sobre os antigos símbolos. A utilización de imaxes descontextualizadas é o mecanismo fundamental da creación surrealista á que recorre constantemente MARIO GRANELL.
| Xogando na praia. Mario Fernández Granell. 1973. Acrílico sobre lenzo. | COLMEIRO atopa aquí os seus referentes nas tres grazas clásicas. En SOUTO aparece o tema do anxo caído que probablemente remita á experiencia da guerra civil. A máscara boneco, o espantallo, en LAXEIRO, de novo en SOUTO, lévanos á cuestión da deshumanización do home característica do século XX. O caso do pintor coruñés, morto en Vigo, Urbano LUGRÍS é singular na creación plástica galega do pasado século. A transitoriedade da vida é o leit motive do pintor que traballa reiteradamente co vello xénero da vanitas como manifesta en modo arquetípico a “Habitación do vello mariño”.
|