Consideramos comprendidos, no obxecto deste departamento, todos os elementos que documentan a historia da cidade de Vigo, e a súa comarca, dende a Idade Moderna (século XV) ata a actualidade.
| Sabre do Mariscal Soult. Autor descoñecido S.XIX. | É o departamento menos desenvolvido do museo, se ben posúe algúns exemplos notorios relativos á Batalla de Rande (1702), e as prospeccións que seguiron en busca dos tesouros somerxidos; así como da Reconquista (1809), no contexto da Guerra de Independencia Española.
Ademais existe, dentro da pinacoteca, unha galería de retratos de vigueses - ou filovigueses- ilustres coma José Elduayen, García Barbón, Policarpo Sanz, Casto Méndez Núñez, ou Eduardo Iglesias.
| A Batalla de Rande. S.XVIII. Gravado a burel. Tinta. Papel. | Dentro desta sección tamén está a Biblioteca Histórica do museo, cunha colección lexislativa española do século XIX; a de historia de Galicia; e unha de incunables americanos así como outros documentos xerais, como a concordia firmada en 1910 entre o concello municipal de Buenos Aires e o de Vigo, con motivo do centenario da independencia de Arxentina.
Recentemente se incorporaron á colección documentos de Antonio Palacios, procedentes do Arquivo Municipal, para a montaxe dunha sala monográfica; e un plano de situación das obras do Porto de Vigo (1905), procedente de Cartografía Municipal. No haber recente deste departamento podemos citar a celebración das exposicións temporais “Contra pragas. Cen anos co Laboratorio municipal” (2003), - que deu lugar a unha exposición permanente, de material científico, na planta soto do concello-; “Vigo, 1809: Reconquista: feitos, armas e personaxes “(2004); e “Bouzas-Vigo, cen anos de unión” (2004-2005).
|