Volver a portada castellano
                                   
| | | |  

Coleccións
imprimirimprimir
Arqueoloxía

¿Vigo ten pasado?

Pensar en Vigo como unha cidade sen historia é un erro que durante moitos anos cobrou a destrución de numerosos restos arqueolóxicos. As condicións xeográficas (litoral, val e montaña) do termo municipal propiciaron o asentamento humano dende períodos moi temperáns e para constatalo están os numerosos achados de todas as épocas que continúan aparecendo, aínda moitas veces de forma casual, tanto na zona urbana coma no resto do territorio.

Moitos e ben situados

A riqueza destes restos non só é numericamente moi abundante (máis de cento cincuenta xacementos que contan coa correspondente protección legal), senón que estes restos supoñen, en moitas das épocas que representan, a máis importante representación cultural do sur de Galicia.

Dende sempre, o mar

Esta zona é clave ademais para entender as relacións marítimas do noroeste co exterior. Comezan na Idade do Bronce, continúan na Idade de Ferro -momento no que se configura unha parte importante das características da denominada Cultura Castrexa- e alcanzan un novo desenvolvemento durante a romanización.

Vigo foi durante moitos anos unha cidade sen historia porque non quixo ter historia. Testemuños arqueolóxicos sempre afloraron da terra pero, ou foron destruídos ou, no caso de que fosen recoñecidos como tales, destinados a incrementar as coleccións particulares. Só cando estas foron espectaculares Vigo aceptou o seu pasado e con el a súa evidencia.

 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75