Volver a portada castellano
                                   
| | | |  

Arqueoloxía
imprimirimprimir
A Idade Media

A Idade Media é un longo período que se inicia convencionalmente a principios do século V coa chegada á península de poboacións xermánicas e a concesión da Gallaecia aos suevos, aínda que esta primeira etapa caracterízase pola continuidade nos modos de vida.

Sartego medieval
Sartego medieval

Tumbas de Pedra

Posiblemente relacionado co papel cristianizador atribuído aos suevos está un novo tipo de enterramento caracterizado pola presencia de sartegos monolíticos con tapa ou lauda en estola (unhas liñas que se interpretan como a imaxe simbólica dun orante).

Tamén aos primeiros séculos da Idade Media corresponden as tumbas antropomorfas escavadas directamente na rocha aparecidas nas escavacións da illa de San Estevo nas Cíes.

Queda por saber se o poboamento tardorromano do Areal ten continuidade co núcleo do casco vello-Sta. María de Vigo. Hai indicios de que Sta. María de Vigo foi edificada nesa zona, pero ata que novas escavaciones o confirmen non se poderá establecer con certeza a continuidade e armazón urbana desa zona. Recentemente foi atopado nas proximidades da colexiata un novo sartego con tapa en estola (en estudo).

No museo

Entre os fondos do museo correspondentes a esta época destacan os sartegos monolíticos, un con tapa en estola, atopado na encosta da parte baixa do Castro. O resto apareceron en Sárdoma, Coia e Coruxo.

Fóra do museo

Das trece igrexas románicas existentes e documentadas entre o século XI e o XIII só tres conservan algunha estrutura desa época (Castrelos, Bembrive e Coruxo). Dos castelos e torres (a do Penso, a Pulguiña, a Torre de Padín...) non se conservan restos. Das pontes construídas para salvar o paso do Lagares só chegaron aos nosos días o de Balaídos e o de Sárdoma.

 

 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75