Historia do museo
|
imprimir
|
1926. Comezo das coleccións |
| Antiga fonte de Neptuno. Estatua principal | En 1926 non se dispoñía pois, aínda , do pazo para museo. Emporiso, ese ano, Avelino Rodríguez Elías, agora como cronista oficial da cidade, consegue arrancar unha proposta de museo de arte rexional que impulsa as primeiras entregas de material para o futuro museo. Estas entregas, que se almacenan provisionalmente nun local do negociado municipal de beneficencia, son basicamente escudos de casas señoriais de Vigo; dúas pezas da desaparecida Fonte de Neptuno - a estatua do deus e o escudo da cidade – que se poden ver hoxe no xardín histórico–; algún resto da batalla de Rande; medallas; maquetas; etc... Dende 1934 a situación cambia ao dispoñerse xa do pazo, pagado o usufructo, ao que se une, en 1935, a constitución do primeiro padroado do museo formado, entre outras, por persoas da talla de Sánchez Cantón, por entón subdirector do Museo do Prado; ou o arquitecto Antonio Palacios, xa académico de Belas Artes de San Fernando. | Virxe co Neno. Anónimo napolitano. Século XVIII. Óleo sobre tea. Depósito do Museo Nacional do Prado. | Grazas a Cantón o Prado e o Museo Nacional de Arte Moderno ceden, ao museo municipal, como depósito, as súas primeiras obras de arte, de notable interese e de variadas épocas, moitas das cales aínda hoxe permanecen na colección: Correa de Vivar, Luca Giordano, Antolínez, Beruete, Alenza, etc... Respecto de Palacios a súa contribución foi decisiva na redacción dun primeiro proxecto para Castrelos, subscrito xunto con Cantón, no que se dispoñía, basicamente, que o pazo fose museo de historia da cidade, na súa planta baixa; e de arte na primeira. Con sede e colección, debería poder inaugurarse o museo. Apróbase o seu primeiro regulamento - 8 de abril de 1936-; e repárase o pazo, carpintaría e pintura fundamentalmente por un valor de 5.837 ptas, que estaba practicamente valeiro, pois a última residente levou ou vendeu o fastoso mobiliario que había na casa. A apertura do museo preséntase así para o 26 de xullo de 1936; pero antes estoupa a guerra civil española.
|