Volver a portada castellano
                                   
| |  

O pazo Quiñones de León
imprimirimprimir
Arquitectura

Vista parcial da fachada principal do pazo
Vista parcial da fachada principal do pazo

Oríxenes

O antecedente arquitectónico do edificio actual é a citada na documentación como "Torre de Lavandeira" que probablemente se levantaba no mesmo lugar que o pazo ocupa hoxe en día. A súa denominación como torre alude a unha tipoloxía herdeira da arquitectura militar medieval.  

No marco dos enfrontamentos fronteirizos con Portugal a consecuencia do proceso de independencia iniciado en 1641 no país veciño prodúcese a devastación da Torre de Lavandeira, alzándose en 1670 o novo edificio do morgado fundado polo capitán Juan Tavares.

Formas

Constrúese un edificio de nova planta inspirado no próximo e acabado de construír (1633) pazo de Santhomé (La Pastora), exemplo de palacete renacentista urbano castelán implantado no rural galego polo vencello dos seus propietarios coa Corte.

O edificio segue a tipoloxía de corpo flanqueado por dúas torres, actualmente moi reformado e ampliado cun engadido na parte posterior, e un distribuidor perpendicular que aloxa a capela e o pavillón de servizos. Estas ampliacións e reformas foron emprendidas polo Marqués de Alcedo a finais do século XIX e principios do XX.

Capela

Con anterioridade a 1680 os propietarios do pazo posuían un oratorio privado adicado a Nosa Señora da Soidade que permaneceu activo nunha sala do pazo ó longo do século XVIII. (Cfr.: Juan Miguel González Fernández. Inventario histórico das ermidas de Vigo e do Val de Fragoso. Vigo, 1997). Non existía unha construción específica de capela e o lugar de culto e enterramento dos señores do pazo no era outro que a igrexia de Santa María de Castrelos, a curta distancia da vivenda, onde posuían un lugar de privilexio no altar maior.

En 1853 construírase a capela anexa ó edificio principal baixo a advocación da Virxe do Carmen. Permanecía pechada e só se oficiaba nela cando os marqueses se atopaban no pazo.

 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75