O pazo Quiñones de León
|
imprimir
|
Xardíns |
| Xardíns do pazo Quiñones de León | O espazo axardinado está situado no contorno inmediato á vivienda e forma con ela un conxunto indisociable. Concíbese, á maneira dos grandes xardíns da Francia barroca, a partir dun eixo lonxitudinal perpendicular á fachada que permite velo na súa totalidade cun so golpe de vista.
Os xardíns foron trazados a finais do século XIX, probablemente pola prestixiosa empresa portuguesa de xardinaría radicada en Porto, Jacintho Mattos, hoxe desaparecida, por orde do Marqués de Alcedo. Podemos observar nel seis partes ben diferenciadas: o xardín de acceso, o roseiral, o xardín francés, o xardín inglés (ou "pradería do té"), a solaina ao fondo e o bosque.
Variedade de trazado e especies
O xardín de acceso sitúase ante a entrada principal. Está delimitado lateralmente pola ala de servizos á súa dereita e á súa esquerda por un muro ameado con garitas. O seu trazado é moi sinxelo, unha rotonda central cun chafariz rodeada por dous parterres laterais.
| Xardíns do pazo Quiñones de León | O xardín continúa na parte posterior do edificio en tres niveis descendentes. O superior está ocupado polo roseiral. Arranca dun ceador cuberto cunha pérgola de madeira, que era o antigo invernadoiro.
O intermedio constitúe o xardín francés. Distínguense dúas zonas: a inmediata á fachada cun trazado de sebes de mirto que chega case ao labiríntico, rodeado dunha greca perimetral e unha fonte no centro. O sector máis afastado é de maiores dimensións e ten un trazado máis sinxelo, totalmente simétrico, en torno a un eixo lonxitudinal e a un florón central. No corredor lateral que o limita co roseiral atópase o paseo dos escudos.
O xardín inglés é tamén chamado "Pradería do Té" polo costume británico que tiñan os donos de tomar o té neste lugar. Está no nivel máis baixo dos xardíns. Consiste nunha pradería rectangular rodeada por dúas sendas de paso. No centro sitúase un estanque para patos cun illote central que amosa unha maqueta do pazo. O xardín presenta numerosas variedades de plantas ornamentais e exóticas, algunhas centenarias grazas á benignidade do clima en Vigo pola súa proximidade ó mar. Pódense observar especies como a camelia do xardín francés, cuxa idade ronda os douscentos anos, os exóticos tulipeiros orixinarios de Virxinia e os vellos magnolios da pradería entre os que se acha o máis grande de Galicia. Esta coidada vexetación vese enriquecida por esculturas, unha galería de brasóns e diversos monumentos.
|