Volver a portada castellano
                                   
| |  

O pazo galego
imprimirimprimir
A paisaxe vexetal

A propiedade pacega ocupa un espazo no que se achan representados tanto elementos ornamentais (xardín e flores) como produtores (cultivo, pradería, bosque e plantacións). Pódese apreciar como a paisaxe natural, as terras de cultivo, o xardín e a vivenda se funden intimamente. No contorno vexetal pacego podemos diferenciar tres unidades esenciais: o arboredo ou bosque, a finca e o xardín.

O bosque é a extensión máis afastada do pazo, na que se localizan as plantas forestais. Constitúe, xunto coa finca, a vertente produtiva (forestal e agrícola) que contribúe ó mantemento da estrutura pacega.

A finca ocupaba a maior parte do territorio. Compoñíase de horta, zona agrícola e pradería nunha explotación agropecuaria típica.

Xardíns
Xardíns

Os xardíns pacegos

Os xardíns comezan sendo hortos que co paso do tempo se transforman en xardíns ornamentais. Están ubicados no contorno inmediato á vivenda e forman con ela un conxunto indisociable. Preséntanse coidados e con numerosas variedades de plantas ornamentais e exóticas, especialmente nas zonas de clima benigno, xeralmente preto da costa.

Dende a súa aparición, os xardíns dos pazos aglutinaron patróns clásicos da xardinaría francesa ou do paisaxismo inglés, pero aportando características propias. José A. Martín Curty (Castrelos: aproximación arquitectónica. Vigo, 1989) determina catro pautas que definen a xardinaría pacega: illamento, compartimentación, terrazamento e eclecticismo.

  • A presenza dunha fronteira (muro ou enreixado) que marca unha delimitación da propiedade señorial, onde se introducen elementos botánicos desvencellados da flora autóctona do contorno.
  • A descomposición do espazo en núcleos máis pequenos, mini xardíns, dotados cada un deles de forte personalidade propia. 
  • A topografía galega, con escaseza de superficies planas e abundancia de pendentes, impide o trazado e o deseño do xardín dun modo regular. O terrazamento é a única solución que posibilita a aparición de planicies. O xardín en terrazas compartiméntase en diversos niveis, consolidados con muros de contención, conectados por ramplas ou escalinatas.
  • A combinación de elementos e formas do xardín francés e do inglés. O resultado son xardíns eclécticos, onde se unen a xeometría, o paisaxismo e as aportacións propias.
 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75