A finais do século XV e comezos do XVI unha certa estabilidade política acelera a marcha da nobreza do campo á cidade. A partir dese momento pódese falar do pazo como un modo de vida señorial no campo, no que a fidalguía inicia a súa traxectoria existencial asentada en dous alicerces: o foro e o señorío.
| Pazo dos Lira, Bouzas (Vigo) | O sistema foral permite a esta fidalguía controlar as propiedades eclesiásticas ou nobiliarias e recadar os tributos cuxos beneficios son, en ocasións, máis importantes que os obtidos das súas propiedades directas.
A historia do señorío dos pazos nace coa súa fundación e pervive no tempo grazas ó morgado. Case non repercute no económico pero ten un gran poder coactivo pois intervén no nomeamento de xuíces, alcaldes, escribáns e alguacís.
A estabilidade deste esquema socioeconómico fai que perdure ata o século XIX, momento no que as súas bases cambalearán por tres causas: a suspensión da transmisión dos foros, a abolición dos señoríos e os seus privilexios polas Cortes de Cádiz en 1811, e o proceso desamortizador que ó longo da centuria irá poñendo á venda o patrimonio eclesiástico.
Como sinala Ramón Villares Paz "Os pazos e casas fortes convértense agora en simples lugares de veraneo ou en casas de labranza e centros de explotación ós que accedeu o "americano" enriquecido, o caseiro andaluz, o aforrador ou, máis frecuentemente, o administrador das cuantiosas rendas que agora se liquidaron".
Durante o século XIX os pazos seguen en mans dunha clase socialmente destacada que, temporalmente ou de xeito continuado, se introduce no ámbito rural; pero cunha radical e decisiva diferencia: vive afastada do contorno campesiño. Por iso fíxase o límite final da cultura pacega nos primeiros decenios do século XIX, aínda que ao longo da centuria e mesmo a principios do século XX se constrúa algún edificio máis.
|