O pazo galego
|
imprimir
|
A arquitectura pacega |
Orixen e desenrolo
A arquitectura dos pazos é un dos tesouros da nosa historia da arte.
A palabra pazo ten probablemente unha orixe latina ("palatium") aínda que o termo como tal se asenta nos séculos XVIII e XIX. As primeiras edificacións pacegas configúranse ao redor do ano 1500. A penas se conservan construcións anteriores a esta data pois as fábricas antigas desapareceron ou foron usadas e remodeladas en anos posteriores.
| Pazo da Touza, Nigrán | A orixe da súa tipoloxía é múltiple. Construtivamente é, en boa medida, herdeira das vilas romanas, das edificacións defensivas e da arquitectura palaciana urbana de época medieval, da arquitectura campesiña e monástica, das vilas do renacemento italiano e as contribucións do palacio barroco, das veciñas construcións portuguesas do mesmo tipo, e da organización de conxunto que os mestres santanderinos importaron das casas renacentistas e clasicistas da súa provincia.
Aínda que con características comúns, diferénciase claramente da casa señorial urbana nas súas dimensións, adaptadas ás funcións agrícolas, e na súa austeridade, fundamentada nas estruturas da arquitectura popular.
O primeiro que destaca na construción pacega é o seu estreito vínculo co lugar no que se asenta. As fincas que o rodean, case sempre delimitadas, subliñan a continuidade do pazo no territorio e o relacionan coa poboación dos seus arredores.
Dependencias auxiliares
A edificación pode aglutinar na súa fábrica dependencias auxiliares e ata unha capela propia ou, por contra, que estas se repartan como construcións illadas por diferentes partes da finca.
Estas dependencias auxiliares do pazo adecúanse ás necesidades do caseiro-parceiro que explota as terras máis achegadas á casa e coida dos animais gardados nas súas cortes. Son alpendres, tullas, hórreos e faiados nos que se garda a produción agrícola. O frecuente pombal, raras veces se sitúa nunha parte da vivenda, o habitual é que se ubique lonxe da casa e da finca propiamente dita.
A presenza dunha capela nos pazos é un claro indicio da importancia que para os seus propietarios ten o relixioso. Por iso adoita ser, no aspecto artístico, unha das partes máis destacadas do conxunto.
Transformación e ocaso
A partir do século XIX o edificio pacego perde o seu sentido orixinario. A adaptación aos novos usos, o cambio na utilización dos espazos e os repartos da propiedade (antes impedida pola práctica do morgado), traen como consecuencia a súa transformación en lugares de residencia exclusivamente. Ó deixaren de ter uso as partes adicadas ós labores gandeiros e agrícolas se lles prestará menor atención, co conseguinte deterioro e ata perda. A isto úneselle a modernización incontrolada dos edificios, ou os novos trazados de estradas que con falta de sensibilidade histórica e artística destruíron parte dos cerramentos, disgregando as diferentes construcións do pazo.
|