Volver a portada castellano
                                   
| |  

Cultura Castrexa
imprimirimprimir
Cómo se alimentaban as xentes dos castros?

A agricultura era a actividade económica máis importante, realizábase nos terreos próximos aos castros, con ferramentas de ferro semellantes ás tradicionais (fouces, sachos, etc.) e probablemente tamén co arado. Os alimentos obtidos eran fundamentalmente os cereais (trigo, cebada e millo miúdo), leguminosas (chícharos e fabas) e mais verzas.

A agricultura combinaba diferentes cultivos e completábase coa recollida de landras das que, como dos cereais, se obtiña fariña despois da moenda en muíños de man.

Segundo as zonas, a gandería é unha práctica igual de importante cá da agricultura. A cabana gandeira estaba composta en maior número por ovellas, vacas e porcos. Da ovella obtíñase la, carne e leite; da vaca aproveitábase primeiro o leite e xa adulta a carne e o coiro, e os porcos e xabarís déixanse medrar ata a idade adulta para conseguir carne e graxa.

No litoral a dieta é máis variada: a recollida de moluscos (ameixa, berberecho, mexillón, lapa, ostra, vieira, etc.) compleméntase coa pesca (con rede ou con anzol) de numerosas especies das que se conservan restos de espiñas e ósos.

 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75