Historia da cidade
|
imprimir
|
Romanización |
Romanización (S II a. C - VI d. C.)
Coa romanización do noroeste peninsular, algúns feitos que antes non deixaran restos materiais, como a morte ou as crenzas, materialízanse ao adoptaren formas de expresión romanas. Un dos mellores exemplos acontece no santuario de Berobreo, no Facho de Donón (Cangas), onde se ofrecen aras (romanas) a un deus indíxena. Incorpóranse tamén deuses do propio panteón romano e xa nos últimos séculos do Imperio percíbese nos obxectos a introdución de novos ritos, como por exemplo a incorporación do cristianismo.
Os mortos entérranse en necrópoles con rituais propios da cultura latina: nomes e fórmulas para lle desexar ao morto un bo pasamento quedan rexistrados nas inscricións das estelas funerarias fincadas nas sepulturas.
O Vigo romano
A partir do cambio de era vaise establecendo no litoral vigués unha poboación totalmente romanizada formando un vicus. Este núcleo, aínda en proceso de estudo, podía estar na zona ocupada na actualidade polo casco vello. Fóra deste, na zona do Areal, situábase unha gran necrópole á que pertence o impresionante conxunto de estelas romanas atopadas no ano 1953. Restos construtivos esparexidos pola cidade poderían apuntar a existencia de diferentes establecementos, algúns xa ben documentados (como unha das necrópoles), instalacións para a extracción de sal e factorías para a elaboración de salga. Tamén, diseminados por toda a franxa litoral, existen unha serie de establecementos residenciais e económicos (villae) vinculados á actividade comercial e pesqueira. Unha das villae mellor conservadas e coñecidas é a de Toralla aínda en proceso de investigación. A presenza nela de materiais de importación moi luxosos indícanos a existencia dunha poboación cun elevado nivel económico.
A actividade portuaria debeu estar en consonancia con esta actividade xeral e así se desprende dos materiais atopados procedentes das zonas máis afastadas do Imperio.
|