Romanización
|
imprimir
|
A villa de Toralla |
s. IV - V d. C.
As villae son asentamentos rurais que combinan o carácter habitacional (a casa propiamente dita) con algunha actividade económica. A de Toralla (Oia, Vigo) é unha das máis importantes de Galicia polo estado de conservación e de estudo en que se atopa. Os restos de obxectos de luxo atopados nela testemuñan o elevado nivel económico dos seus moradores.
A actividade principal da villa era a obtención de sal. Crese que a produción se engadiría á doutras instalacións semellantes no litoral vigués e mesmo podería atender as demandas das villae veciñas, como a do Fiunchal, dedicadas á salgadura.
Estivo en uso nos séculos IV e V d. C., período ao que corresponden os numerosos e variados materiais recuperados. Entre eles cómpre salientar unha vasilla pintada de gran tamaño situada na porta da vivenda, na que se representan deseños figurativos e xeométricos.
A parte residencial da villa tiña unhas termas privadas con pequenas piscinas que mantiñan a temperatura da auga a través dun sistema de columniñas por debaixo do piso por onde circula o aire quente (hipocaustum). O baño posuía un fermoso mosaico que se esnaquizou ao se afundiren as columnas que sostiñan o piso, pero consérvanse numerosos fragmentos onde se poden apreciar motivos vexetais e entrelazados.
|