Romanización
|
imprimir
|
Para privilexiados |
En plena romanización as xentes máis ricas, grazas ao florecente comercio que posibilita a exportación dos excedentes que se producen, acceden a produtos de calidade importados doutras zonas do Imperio ou realizados nos obradoiros da península.
Nesta época abundan os obxectos de vidro, nun primeiro momento importados e despois de produción local. A técnica de elaboración empregada é o soprado: en burbullas para os máis antigos e en moldes para os máis recentes.
No servizo de mesa, o produto de luxo por excelencia segue a ser a terra sigillata (cerámica de característico verniz vermello feita con molde). Segundo o momento, importaranse de diferentes lugares e obradoiros; nos últimos séculos, da Galia, de Focea, Chipre e do norte de África (Cartago).
Un dos maiores privilexios é a escritura. Por esta razón, nesta vitrina exponse un stilus, instrumento para escribir (coa parte apuntada) nunha pequena táboa de cera que permitía (co extremo plano) corrixir achandando os sucos escritos.
Os xogos de mesa acadan nesta época un gran desenvolvemento, malia a escaseza de restos atopados en Vigo. Por esta razón mostramos na sala un dado de xogo pertencente ás coleccións que o museo ten doutras zonas peninsulares.
|