Volver a portada castellano
                                   
| |  

Cultura Castrexa
imprimirimprimir
Cómo vestían e adornaban o corpo?

A condición dos solos ácidos de Galicia non permite que se conserven restos dos tecidos pero si algúns dos instrumentos empregados na súa elaboración. As fontes escritas dinnos que os habitantes dos castros vestían de negro e levaban unha túnica ata os pés (sagum) coa que durmían no chan, en leitos de palla.

Os tecidos empregados eran de la ou liño, ambos os dous documentados dende o neolítico.

Unha vez obtida e peiteada a fibra, colocábase nun pau aberto (roca) de onde se ía sacando para enrolalo nas coxas. O fío que resultaba ía enrodelándose no fuso para facer unha bobina. Para isto, o fuso levaba na parte inferior unha peza (fusaiola) que co seu peso e forma lle facilitaba a tensión do fío, sostiña a fiada e mantiña a velocidade do xiro.

O tecido realizábase en teares verticais de madeira; deles consérvanse as pesas que tensaban os fíos da urda.

O adorno

Na vitrina móstranse tamén algúns dos adornos que se recuperan coa actividade arqueolóxica: as doas de pasta vítrea (introducidas no noroeste polos comerciantes púnicos); colgantes de bronce con forma de fuso e de trompeta; restos dun colar ríxido e dunha pulseira.

Os elementos máis variados e abundantes son as fíbulas. Servían para suxeitar a roupa (o sagum) ao xeito dos imperdibles actuais. Algunhas, como a do tipo Golfo de León, están feitas dunha soa peza e pertencen á etapa de formación da cultura dos castros.

 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75