Volver a portada castellano
                                   
| | | |  

Arte
imprimirimprimir
Pintura

Pinacoteca antiga

Retrato de muller con can. Jan de Baen. n.1633-m.1702. Óleo sobre tea.
Retrato de muller con can. Jan de Baen. n.1633-m.1702. Óleo sobre tea.

Na colección de pintura atópanse as pezas máis relevantes do museo, que nos permiten facer un percorrido dende o Renacemento e o Barroco ata a vangarda máis actual, a través de obras galegas, españolas e europeas.

Na instalación da colección procurouse dar ás salas a máxima unidade estilística posible. Cada unha delas responde, por así dicilo, a un capítulo da historia da arte, co propósito de estimular no visitante a afección á pintura mediante a contemplación de cadros que ilustren o seu desenvolvemento histórico dende o século XVI ata os nosos días.

De acordo con isto, as salas de arte moderna conteñen obras de escola española, flamenca, holandesa, francesa e italiana, de artistas de recoñecemento mundial. Podemos descubrir e admirar nelas as aportacións das diferentes escolas pictóricas á arte europea.

A escola alemana está representada pola obra de Christian Dietrich, a sueca por Elias Martin, a británica polos retratistas neoclásicos e románticos, a italiana por Carracci, Castiglione, Dolci, Lucca Giordano, etc.; a flamenca por Antonio Moro, Peter Brueghel II, Franz Pourbus o novo, Peeter Neefs o vello, David Teniers o novo, etc.; a holandesa e francesa por Jansz van Croos, Heeremans, Van de Velde, Wolfsen, etc.

Místico. Isaac Díaz Pardo. n.1920. Óleo sobre lenzo.
Místico. Isaac Díaz Pardo. n.1920. Óleo sobre lenzo.

Pinacoteca galega contemporánea

A colección de pintura contemporánea galega é, sen dúbida, a máis dilatada e completa. Ofrece unha ampla panorámica da tradición pictórica galaica dende o século XIX ata os nosos días.

A pintura galega do século XIX vai ter un florecemento apoiado nos movementos rexionalistas da segunda metade do século, un auxe que virá da man dos artistas denominados "Os precursores" (Pérez Villamil, Dionisio Fierros, Serafín Avendaño, etc.) e principalmente dos pintores da malograda "Xeración doente" (Germán Taibo, etc.).

A "Xeración triunfante" agrupará aos paisaxistas e retratistas que dominarán os medios artísticos practicamente dende as últimas décadas do século XIX ata os anos 30 do século XX. A ela pertencen Lloréns, Sotomayor, Carlos Sobrino, Imeldo Corral, Bello Piñeiro, Seijo Rubio, Antonio Fernández ou Máximo Ramos. Lloréns marcará a pauta  para a revisión e reinterpretación do impresionismo francés que con maior realismo desenvolverán Abelenda, Virxilio Blanco e Villafinez, entre outros.

Mención á parte merece a obra de Castelao coa súa implacable e constante denuncia dos problemas sociais do mundo rural en Galicia, que no Museo pode valorarse a través das cento dez viñetas que compoñen a súa obra Cousas da Vida.

Xa no século XX, un grupo de artistas chamados "Os Novos" asumirán, sen perder as súas raíces, as vangardas que triunfaban na Europa dos anos '30. Colmeiro, Eiroa, Laxeiro, Maside, Mazas, Seoane, Souto ou Torres conforman un movemento renovador unitario, algo afastado doutros autores tamén vangardistas coma Granell ou Lugris. Na segunda metade do século pasado, asistimos á introducción da pintura abstracta en Galicia. Lago Rivera inicia un camiño que continuarán toda unha xeración de pintores coma Caruncho, Labra, Mampaso, Molezúm, etc.

Paisaxe. Antonio Quesada. n.1932. Óleo sobre lenzo.
Paisaxe. Antonio Quesada. n.1932. Óleo sobre lenzo.

Paralelamente, a finais da década dos '50 xorde en Ourense un grupo de artistas ("Os artistiñas") vinculados a Ferro Couselo, Vicente Risco e Otero Pedrayo que, asumindo as propostas da Nova Figuración europea manifestarán coa súa pintura unha aceirada actitude crítica da realidade galega. Entre eles José Luis de Dios, Xabier Pousa e Antonio Quesada, considerado coma o mellor paisaxista español contemporáneo, quen partindo dunha figuración formal e rigorosa evoluciona cara á abstracción da paisaxe.

Os anos '80 asistirán ao nacemento en Vigo do colectivo Atlántica que vai achegar á pintura galega unha madura lectura das correntes que no panorama artístico internacional buscan novas linguaxes pictóricas, toda vez que as vangardas foran xa superadas. O museo amosa obra destacada de todos eles: Datas, Facal, Huete, Guerra, Mantecón, Goyanes, Patiño, Monroy, Menchu Lamas, Moldes e Din Matamoro.

Unha selección da pinacoteca galega exhíbese na actualidade no centro municipal "Pinacoteca Francisco Fernández del Riego.

 
Museo Municipal de Vigo "Quiñones de León" - Parque de Castrelos s/n - 36213 Vigo - Tel.: 986295070/75