Pazo e pinacoteca antiga
|
imprimir
|
O salón dourado |
Trátase sen dúbida dunha das estancias máis singulares do pazo de Castrelos. É con toda probabilidade unha creación do século XX, sobre a planta orixinal do XVII. Na habitación o interiorista tratou de recrear un pequeno salón privado palaciano polo que se permitiu un maior desenfado decorativo. Xorde así un ambiente apropiado para a sottovoce, a conversa, tomar té, algún refrixerio, escoitar música de cámara, etc... Os coquetos sotobancos que se abren no muro dos pazos, baixo as ventás, chámanse en Galicia faladoiros ou namoradoiros, o que xa indica en parte a súa función como lugar para falar ou seducir.
| O salón dourado | A sensualidade da decoración do pequeno salón está subliñada coa profusión do dourado tanto nas orlas e molduras das paredes, en estilo español isabelino; coma no mobiliario (vitrina, biombo, mesas e cadeiras, espellos) de estilo francés Luis XVI; ou nas estampas orientais do papel pintado das paredes, moi do gusto das chineirías do XVIII, o que se marca aquí por unha mesa velador de dous pisos que sostén na súa tapa un curioso incensario de bronce oriental en forma de xinete.
A mellor porcelana dese século ten dous fermosos exemplos neste salón. Na mesiña central, de Saxonia, o reloxo e a parella de candelabros. Son pezas de porcelana branca, pintadas a man cun bonito colorido, para representar idílicas paisaxes nas peañas; o estampado floral das vestimentas dos personaxes; e as minúsculas e variadas follas e flores que invaden os brazos dos candelabros. No reloxo central, que aínda funciona, descansa unha dona melancólica que sostén na man dereita languidamente unha pequena flor mentres parece contemplar o lento transcorrer do tempo.
Baixo o espello máis grande da sala, sobre a consola correspondente, podemos ver unha peza de Sèvres, a outra gran fábrica de porcelana europea do século XVIII. Trátase dun vaso azul de característico brillo metálico, decorado cunha estampa anecdótica e dúas asas de bronce con forma de cabeza de carneiro. Atópanse nesta sala os cadros do Legado Policarpo Sanz correspondentes ás escenas de xénero, algúns de asunto amoroso, outros de carácter máis tétrico; destacando unha pintura ao óleo, sobre folla de lata, de Goya: “A misa de Parida”, tamén chamada da Purificación, da que existe máis dunha versión e da que hai dúbidas sobre a súa autoría.
|